O Concello de Cabanas acollerá os próximos 10, 11 e 12 de xuño o ‘Paseo da la’, un evento que nace coa pretensión de ser a primeira Feira Internacional de La Artesá con Denominación de Orixe, converténdose nun lugar de encontro das diferentes las de orixe España e do mundo.
No acto de presentación o alcalde foi o encargado de dar a benvida e presentar o evento, o cal pretende ser recoñecido a nivel internacional, destacando a Cabanas como berce da la galega, no que tamén está en proxecto crear o Museo da La.
Pola súa banda, Lola Logaro explicou a orixe de ‘El Mundo Teje’, e a conexión con Cabanas -chegouse a este concello a través da actividade que se fixo o ano pasado online desde a Praia da Madalena-. Beatriz Carbón, artífice do evento, explicou todas as actividades que se van a realizar esa fin de semana, e comentou que haberá las con Denominación de Orixe (D.O.), destacando a fabricación da primeira la con D.O. galego 100%, e que se porá á venda o sábado 11 de xuño.
Por último, María José recalcou o apoio do Concello na realización deste evento, así como a importancia do traballo realizado pola Asociación de Mulleres Cabanas Rural na conservación deste oficio tan ancestral.
No marco deste primeiro ‘Paseo da la’ organizaranse diversas actividades, comezando o venres 10 de xuño, cando se levará cabo un desfile ás 20:00 horas para amosar as creacións creadas a partir deste tecido, que terá lugar no Paseo da Madalena.
A partir dese día, o sábado 11 e o domingo 12 de xuño, levarase a cabo a II edición de ‘El Mundo Teje’, un evento internacional de fala hispana para dar a coñecer empresas vencelladas á la e fomentar a economía circular en países hispano falantes. Así, o sábado 11 de xuño emitirase en directo a través de Zoom o evento, con pequenos grupos que permitirán ás persoas participantes coñecerse mentres tecen en compañía, gozando das representacións de cada proxecto. Algunhas das persoas participarán de maneira presencial -en horario de 12.00 a 19.00h)- nunha carpa situada en Cabanas, e outras poderán facelo a través de Internet, desde diferentes países. Ademais, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, habilitarase un espazo no que a xente que queira poderá achegarse a tecer en público.
En paralelo co resto de actividades desenvolverase a I Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, no que as persoas participantes que se despracen até Cabanas poderán amosar os seus produtos, e se levarán a cabo faladoiros -dous o sábado e un o domingo-, que versarán sobre ‘Las con D.O.: pasado, presente e futuro’, ‘Técnicas téxtiles: poñendo en valor as súas ensinanzas’ e ‘Manexo da la’.
A entrada ao Paseo da La será libre e gratuíta, e desde o Concello animan a apoiar o sector primario a través da compra destas las con Denominación de Orixe.