A fashion night Móvete x As Pontes, promovida polo Concello das Pontes e a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de As Pontes (Cohempo) regresa o sábado, 11 de xuño, tras dous anos de parón provocado pola Covid-19, con un programa de actividades orientado a convertir ao municipio nun punto de encontro das persoas amantes da moda e dinamizar o sector comercial local.
Elena López, concelleira de Comercio e Hostalería remarcou a importancia de retomar esta iniciativa xa que “o comercio de proximidade ten unha gran importancia como motor económico e social da nosa vila, contribúe a crear un tecido sectorial sólido, xerador de centos de empregos, e constitúe un dos eixos do desenvolvemento local e do dinamismo do pobo.
Esta nova edición da festa do comercio das As Pontes, comezará ás 17:00 horas e inclúe desfiles de moda na rúa nos que os establecementos amosaran ao público as últimas tendencias de moda, complementos e beleza cara o verán e que farán das Pontes un gran escaparate ó aire libre coas propostas comerciais do municipio.
Así mesmo, ao longo de toda a tarde, Eva Iglesias, colaboradora no programa da TVG, Land Rober-TunaiShow e Natalia Maquieira, CEO e socia fundadora de PASOAPASO Agency, experta en comunicación dixital de marcas de moda, visitarán os establecementos participantes en Móvete x As Pontes, onde a veciñanza e as persoas visitantes poderán conversar con elas.
Os locais participantes prolongarán o seu horario de apertura ata as 00:00 horas para ofrecer, á veciñanza e persoas visitantes descontos especiais, promocións e sorteos. Ademais algúns establecementos ofrecerán á súa clientela concertos de música en directo, actuacións de dj´s, obradoiros para nenos e numerosas sorpresas. Asemade, durante toda a celebración, varias charangas percorrerán as rúas do pobo, animando a comerciantes, veciñanza e visitantes.
Finalmente, entre todas as persoas compradoras repartiranse premios valorados en 600 euros, a través de tarxetas rasca, para gastar durante a celebración da fashion night nos establecementos que participan nesta iniciativa.
A concelleira invitou a todos os veciños e veciñas e visitantes a gozar desta gran festa do sector comercial local, a vivir unha noite diferente entorno ao mundo da moda e do pequeno comercio, amosando o seu apoio á economía local, mercando no comercio pontés e investindo no futuro de As Pontes.