A Festa do Apego volta a Ames cunha terceira edición con con xogos, música e contos

As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina o vindeiro sábado 18 de xuño durante todo o día
La presentación de la Festa do Apego 2022 del Concello de Ames | CONCELLO DE AMES
La presentación de la Festa do Apego 2022 del Concello de Ames | CONCELLO DE AMES

O Concello de Ames presentou este mércores a III Festa do Apego, que se celebrará durante todo o vindeiro 18 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns con contos, música, xogos «e moitos máis recursos para gozar coa e desde a lingua».

«É unha xornada para a convivencia, para os contos, para os cantos e estamos seguras de que será un éxito», detallou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quen precisou que, agora que remata o curso escolar, «queremos festexar cos pequenos e as pequenas do Concello porque o pasan xenial, para eles é un día de troula na que disfrutan das diversas actividades e fano en galego».

O prazo de inscrición para as actividades estará aberto dende o 9 ata o 16 de xuño. As reservas poden realizarse a través do correo electrónico [email protected] indicando as actividades ás que se quere asistir, o nome e apelidos das persoas solicitantes, a idade dos rapaces e un teléfono de contacto.

A técnica do Servizo de Normalización do Concello de Ames Rosa Moreiras tamén aproveitou a presentación da festa para poñer en valor o obxectivo do programa Apego, que «sempre esperta moito interese e no que a participación sempre é moi alta», o que amosa «a necesidade que teñen as familias de actividades, espazos e recursos que favorezan a crianza en galego».

Programación

A festa comezará ás 11:00 horas co espectáculo Son no berce, de Cris Collazo, un concerto didáctico-sensorial para bebés co obxectivo de espertar as emocións a través de estímulos sensoriais: imaxes, palabras, tactos, aromas e música. Esta actividade está dirixida a crianzas de cero a tres anos.

Ás 12:00 horas chega, para as nenas e nenos de a partir de tres anos, O pozo do encanto de Lydia Botana e Fabaloba. Levarán a Ames contos, cancións e recursos lúdico-educativos para enriquecer a crianza dun xeito divertido e creativo.

A mañá continúa ás 13:00 horas co espectáculo para toda a familia Cantacontos a carón da fiestra, onde os contos, a música e a poesía «nos levan de viaxe polo máxico mundo dos soños» da man de Manolo Boquete e Ramón Feáns.

Consulta aquí a programación completa

Babaluva Teatro abre a sesión da tarde ás 17:00 horas coa súa Feira das sementes, dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Mirari Urruzola traeranos «a feira máis pequena do mundo», na que nada se vende e na que as sementes se trocan por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña.

Ás 18:30 horas «daremos voltas, revoltas e reviravoltas» coas Maimiñas e o seu concerto participativo de ritmos variados e melodías diversas para toda a familia viaxe polo mundo adiante sen saír do Pazo da Peregrina.

A III Festa do Apego péchase ás 20:00 horas coa actuación do grupo Migallas que nos ofrecerá as súas cancións máis populares para bailarmos e cantarmos a ritmo de rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre ou rumba.

Ó longo do día tamén haberá catro actividades de xeito permanente, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas: o Espazo do Apego, con información sobre o programa; o Espazo de Recursos, cunha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego; o Espazo de Xogos de Mesa e o Espazo de Xogo Libre.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.