A mariñeira e tiktoker muradá María Maceiras, coñecida nas redes polo seu traballo de divulgación e concienciación ambiental mariña, que a levou a ser destacada como unha das 100 Jóvenes Talentos polo prestixioso Basque Culinary Center, acompañou este xoves e venres ao alumnado do CEIP Eladia Mariño nas saídas guiadas polo litoral cabanés, no marco do proxecto Cabanas Mar, impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas a través do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM Cabanas).
Durante toda a semana, o conxunto do alumnado do CEIP Eladia Mariño participou en diferentes obradoiros nos que se traballou o coñecemento de especies animais e vexetais das nosas rías, así como tamén o coidado do medio natural. Por outra banda, tamén fixeron saídas de campo, que contaron coa participación de traballadoras do mar, que puideron explicar ao alumnado a importancia do seu traballo como actividade económica vencellada ao medio mariño.
Exposición no Paseo da Madalena
En paralelo a estas actividades, e no marco dunha extensa programación previa á inauguración do espazo físico do Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM), prevista para o venres 17 de xuño, o paseo da Madalena acolle esta fin de semana unha exposición de paneis didácticos, na que se destaca a riqueza paisaxística da vila, o labor que desempeñan as xentes do mar e a propia identidade do municipio, ligada ao medio mariño.

“A evolución da vila a través dos cambios na súa paisaxe, os recursos que compoñen o litoral, a importancia da marisma e o esteiro do río Eume e a profesión do marisqueo en Cabanas son os catro grandes temas que se recollen nesta exposición”, sinalou o tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela, responsábel do proxecto. “A exposición complétase con códigos QR a través dos que se pode ler ou escoitar o testemuño dalgunha das persoas que dan vida ao litoral”.
Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas
O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM) é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas. Nace como un espazo de encontro para a cidadanía e visitantes arredor da cultura mariñeira e a riqueza natural e paisaxística do territorio relacionada co medio mariño estudando aspectos como a natureza, a historia, a etnografía, a gastronomía, a cultura, as tradicións, os oficios, as prácticas pesqueiras, a propia trazabilidade dos produtos do mar, as conservas, as lendas e contos, os sinais marítimos ou a actividade cultural, entre outros.
O proxecto Cabanas Mar resalta aspectos como a sostibilidade, o respecto e coidado do medio e a importancia dos oficios do mar, e nel participaron diversas persoas que dan identidade ao mar, como o persoal da Confraría de Pescadores de Pontedeume (Valentín, Ana Isabel, Rosa ou Olaya, entre outras).
Tanto o proxecto do CIMM, como o de Cabanas Mar, contan co apoio do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca, a través do GALP Golfo Ártabro Norte.