O Partido Socialista denuncia o «panorama desolador da atención primaria na provincia de Lugo». O grupo provincial do PSdeG na Deputación de Lugo reclamará ó goberno galego no vindeiro pleno a través dunha moción que adopte medidas inmediatas, “como unha convocatoria extraordinaria de especialistas en medicina de familia para resolver as deficiencias xeradas no sistema sanitario, sobre todo durante o verán”.
O PSdeG solicita que se cubran as baixas, os períodos de vacacións e as xubilacións, e que «se remate a práctica de parcheo consistente en pechar puntos de atención médica nuns sitios para derivar ó seu persoal a outros centros». Denuncia que o executivo do PP pechou os centros de saúde de Castro, en Carballedo; o de Parga, en Guitiriz; o de Castro de Rei; e o de Baamonde, en Begonte.
Así mesmo, lembran os casos recentes de Cervo, Sarria e Barreiros, onde os veciños e veciñas se están mobilizando para reivindicar uns servizos suficientes e dignos.
O partido explica que a través da propostas que levarán ó Pleno da Deputación queren que se abra un proceso de diálogo cos profesionais do sistema sanitario “para deseñar conxuntamente ofertas de emprego con criterios de discriminación positiva no deseño das OPE, co fin de cubrir as prazas que necesitan tanto os hospitais comarcais como o conxunto de centros do sistema sanitario no rural”;