Ao longo desta última semana de xullo, os municipios promotores do proxecto de xeoparque teñen organizadas cinco saídas para descubrir as peculiariedades xeolóxicas do territorio. Neste sentido haberá a oportunidade de percorrer o litoral norte cos percorridos dos concellos de Cedeira e Cariño -as xeorrutas dos Cantís, do Litoral, dos Aguillóns e das Areas Negras- e tamén co preparado polo Concello de Valdoviño, a Xeorruta do Arsénico, novidade no programa deste verán.
Tanto para este último, previsto para o xoves á tarde, como para o das Areas Negras, que baixará o domingo á praia de Teixidelo, xa non hai prazas dispoñibles. Ademais tamén está completa a xeorruta marítima que ofrece a empresa Rutas Cedeira na tarde do 31.
As reservas para as rutas con prazas dispoñibles hai que facelas obrigatoriamente en liña a través da aplicación habilitada este ano na web do Xeoparque, onde se pode gardar sitio en calquera itinerario a varias semanas vista e cun custe por persoa de 9€, reintegrables ata 24 horas antes no caso de cancelación.
O programa da semana inclúe, como principal novidade, o percorrido do Arsénico pola costa de Meirás, en Valdoviño, atendendo a cuestións como as fallas, o vulcanismo, a formación da lagoa ou o sistema dunar da Frouxeira. Esta ruta logo completou as 20 prazas ofertadas e, por este motivo, quen queira facela deberá anotarse na saída do 21 de agosto -10:00h-, da que no momento de redactar esta información só quedan cinco prazas por cubrir.
Outra que está completa para este domingo é a Xeorruta da Praia das Areas Negras do domingo pola mañá, aínda que nese caso haberá máis oportunidades de facela, concretamente o xoves 4 de agosto, o domingo 14, o martes 23 e, xa en setembro, os días 4 e 10. As reservas para calquera deses días poden tramitarse desde esta ligazón.
As tres rutas xeolóxicas onde hai sitio son a xeorruta do litoral -Cedeira- este xoves, que sae ás 10, a ruta dos Aguillóns -Cariño- este sábado ás 10 e a xeorruta dos Cantís este sábado ás 16:30 horas.