Na Costa da Morte, unha das zonas máis emblemáticas e salvaxes do litoral galego, o histórico Faro de Lariño iniciou unha nova etapa tras máis dun século de historia. O que durante décadas foi unha luz esencial para a navegación marítima transformouse hoxe nun exclusivo establecemento turístico, mantendo viva a súa esencia e conexión co mar.
A historia deste faro remóntase a comezos do século XX, cando en 1911 se proxectou a súa construción para mellorar a seguridade nun tramo de costa especialmente perigoso e marcado polos naufraxios. As obras prolongáronse durante dez anos, ata a súa finalización en 1921, baixo a dirección do enxeñeiro Salvador López Miño. Décadas despois, en 1947, a infraestrutura modernizouse coa chegada da electricidade e deixou de estar habitado de maneira permanente a finais dos anos oitenta. Non obstante, en 2021 comezou unha nova vida ca transformación nun espazo turístico.

O faro sitúase no concello de Carnota, un enclave privilexiado dentro da Costa da Morte. Esta área destaca pola súa riqueza paisaxística e natural, con elementos icónicos como a praia de Carnota, considerada a máis longa de Galicia cos seus sistemas dunares e zonas protexidas. Moi preto atópase tamén o Monte Pindo, coñecido como o «Olimpo celta». Ao outro lado do faro, na zona de Punta Ínsua, esténdese a praia de Lariño, ampla, tranquila e de area branca.
O interior do hotel con inspiración mariñeira
Hoxe, o antigo faro converteuse nun hotel con encanto, pensado paraofrecer unha experiencia diferente aos visitantes. O espazo combina a historia mariñeira coa modernidade, cunha decoración inspirada na vida dos fareiros e nos estados cambiantes do mar e con habitacións tematizadas.
O establecemento aposta polos produtos locais, ofrecendo aos hóspedes a posibilidade de descubrir e degustar unha ampla selección de produtos gourmet galegos, como viños, conservas, mel ou licores tradicionais. Todo isto complétase cunha oferta de servizos propia dun hotel de alta categoría.
A reconversión do Faro de Lariño exemplifica unha nova forma de valorizar o patrimonio, permitindo que espazos históricos continúen vivos e accesibles, conservando a memoria dun lugar que durante décadas foi clave para salvar vidas no mar, e que hoxe ofrece unha experiencia única entre historia, natureza e emoción.


