A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación da undécima edición de Son d’Aldea, que recrea como era a vida do rural nos anos 40 e 50. Este festival, que terá lugar o 2 e 3 de setembro na parroquia de Santiago de Albá, conta coa colaboración da Deputación de Lugo para a difusión das súas actividades a través do Servizo de Audiovisuais.
No acto participou o presidente da Asociación Son D’Aldea, Luis Arqueixal; o coordinador das xornadas, Santiago Prado; e o Tenente de Alcalde da localidade, Amando Sande, ademais doutros membros da organización.
“Este encontro permite vivir unha experiencia única, lembrando como era antes a vida nas nosas aldeas, cando o rural era o motor da nosa economía e da nosa tradición; e reivindicar así todo o potencial que temos”, salientou a Deputada, quen puxo en valor neste sentido o traballo que desenvolve a propia Deputación en colaboración cos concellos da provincia para impulsar o rural dotando de máis e mellores servizos á veciñanza e dinamizando a economía e o emprego en sectores estratéxicos, como o primario e o turismo.
Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias.
A programación dará comezo cun parladoiro o venres ás 17:00 horas ‘Música e Desenvolvemento Rural’ coa participación de Isidoro Rodríguez Pérez e Bruno Villamor Gay e continuará ás 19:00 horas coa presentación dos libros ‘O gaiteiro de Santo’ de Burno Villamor Gay e ‘A gaita na Terra de Melide’ de Suso Ascariz. Unha hora máis tarde presentaranse os libros ‘Son D’Aldea 2015’ e ‘Son D’Aldea 2021’.
O venres ás 20:30 horas será a actuación do grupo Iseo A Moura e as 21:30 horas a cea na aldea. Ao día seguinte a programación inclúe un roteiro teatral, un xantar na aldea, xogos populares, a actuación do grupo Zoelas e o concerto de Leirabuxo.
Para a reserva de prazas e maior información pódese solicitar mediante Whatsapp no número de teléfono 613.330.607.