O Concello de Pontedeume continúa cos traballos de dixitalización do Arquivo Histórico Municipal. Deste modo, nos pasados días deron inicio os traballos de descrición documental pertencentes ao Arquivo Histórico Municipal. No proxecto que se está levando a cabo actualmente analízase a documentación pertencente ao xulgado e o cárcere con arquivos que datan desde o ano 1663.
Case catro séculos nos que se recolle información sobre os arranxos do cárcere da época situado no Pazo dos Andrade e no Convento dos Agostiños. Tamén se inclúen datos sobre a construción do novo edificio en 1854, que é a actual sede do departamento de Servizos Sociais, así como a información de libros de contabilidade ou expedientes de condena.
Dende o Concello, sinalan o indubidable valor do patrimonio histórico documental eumés para o coñecemento da historia de Pontedeume. Ademais, esta información está a ser incluída no sistema de xestión documental de arquivos públicos ARQA integrado no Sistema de Arquivos de Galicia. Esta iniciativa obtivo unha achega dentro das liñas de Axudas para actuacións en materia de arquivos. Por último, este proxecto súmase a traballos anteriores co obxectivo de preservar a documentación histórica que atesoura o Arquivo Municipal.