O cine de estrea regresa, a próxima fin de semana, a As Pontes tras o parón obrigado pola pandemia e a licitación do contrato de venda de entradas para os espectáculos culturais da vila. Vicente Roca, concelleiro de Cultura, apunta que “o cine é unha das apostas culturais do goberno local que maior acollida tivo entre a veciñanza, especialmente entre o público familiar e adulto. Desde o ano 2017, data na que lle ofrecemos á veciñanza acceso a unha carteleira actual e en formato dixital, máis de 29.000 espectadores pasaron pola Casa Dopeso”.
A programación do mes de outubro arrancará coa proxección, o sábado 1 de outubro, ás 17:00 horas, do filme Minions, a orixe de Gru, que volverá a proxectarse o domingo, 2 de outubro, á mesma hora. O sábado, ás 19:00 horas e ás 22.15 horas será a quenda para a proxección do filme Elvis que tamén se poderá ver o domingo, ás 19:00 horas. A seguinte fin de semana as películas que se proxectarán serán Tadeo Jones 3, a táboa esmeralda —sábado e domingo, ás 17:00 horas— e A vida padre para o público adulto —sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas—
A terceira fin de semana estarán en carteleira, para o público familiar, Dc Liga Supermascotas —sábado e domingo, ás 17:00 horas— e para o público máis maior Top Gun, Maverick —sábado, ás 19:30 e 22: 15 horas e domingo ás 19:30 horas—. Os días 22 e 23 de outubro será a quenda para Dragon Ball Super, Super Hero —sábado e domingo, ás 17:00 horas— e Bullet Train —sábado, ás 19:30 e 22:15 horas e domingo ás 19:30 horas—. A última fin de semana de outubro chegarán a As Pontes, Aimbo, a guerreira do Amazonas —sábado e domingo, ás 17:00 horas— e Viaxe ao paraíso —sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas—.