Teatro, música e cantacontos este outono na Casa da Cultura de Foz

O mes de outubro está dedicado ao teatro cunha representación cada venres, a excepción do xoves 20
Concello de Foz
Concello de Foz

O Concello de Foz presenta a súa programación cultural de outono, que se desenvolverá no salón de actos da Casa da Cultura debido ás obras que se están realizando para mellorar a Sala Bahía.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “coa chegada do outono a programación cultural de Foz muda de espazos pero continúa o seu camiñar. O mes de outubro está dedicado ao teatro. Como ven sendo habitual en Foz, durante todos os venres do mes de outubro, a excepción do xoves 20, unha representación teatral de compañías de máximo nivel encherá o escenario da Casa da Cultura».

Este ano o ciclo está denominado Emocións e “todas as obras que veremos afondan nos sentimentos e emocións das persoas, dende a incomunicación e a soidade, o sentimento de fracaso, a necesidade de compaña, os sentires de tres mentalidades distintas que coinciden na vida …” O ciclo comezará o venres 7 e todas as obras coinciden no horario e lugar: ás 20.30 horas na Casa da Cultura. A primeira, o venres 7, será Conexión pingüín, da compañía A Feroz. O día 14 chegará Illas desertas, da compañía Artesa Cía. O xoves 20 representarase Sós, de Malasombra producións. E finalmente o ciclo rematará o venres 28 de outubro con Gloria Nacional, de Teatro do Noroeste.

Pero no mes de outubro tamén haberá actividades para os máis pequenos. Para celebrar o Día das Bibliotecas o luns 24 ás 19:00 horas na Casa da Cultura poderase desfrutar de Cantacontos, de Migallas.

O mércores 26 representarase dentro do ciclo ‘Lendas do Camiño Norte’ a obra ‘O Bispo Santo contra os Normandos’, da compañía Mircromina. Unha tarde completa de actividades na Casa da Cultura a partir das 17.00 horas con obradoiro de monicreques e teatro.

O mes de novembro continúa o teatro infantil e adulto. O domingo 6 ás 12:00 horas chegará Ninja, de Ghazafellos, para público a partir de 5 anos. O sábado 12 Migallas volverá con Petiscos de lingua; e o xoves 17 ás 19.00 horas La vuelta al mundo en 80 días, de Fantastique Company aterrará en Foz.

O teatro adulto estará centrado nas mulleres e o seu papel. O día 11 de novembro ás 20:30 horas Feminíssimas, da compañía De ste Xeito Producións contaranos as tres maneiras que teñen de entender o feminismo tres amigas. E como novidade o 25 de novembro ás 20:30 horas estrease en Foz Papagena, unha ópera da compañía Butaca Cero que conta a relación tóxica que mantén unha muller que se emparella co Papageno.

Finalmente o sábado 26 de novembro a Banda de Música de Foz realizará o seu tradicional concerto de Santa Icía.

Dende a Concellería de Cultura animan a achegarse á Casa da Cultura “tanto pequenos coma maiores, para desfrutar do teatro, da lectura, dos obradoiros e da música. Foz continúa a esforzarse en achegar unha selección das mellores pezas teatrais de Galicia e tamén novidades en ópera non tan habituais ou cultura local coma as representacións de Mircromina ou a música da nosa Banda”, finaliza Inés López.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.