Lara Méndez recibe ao embaixador de Ucranía

A alcaldesa e o embaixador ucraíno visitaron a sede de Accem en Lugo onde mantiveron un encontro con familias acollidas por esta ONG
Concello de Lugo
Concello de Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, recibiu este venres no Concello ao embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohoreltsev, con quen mantivo unha reunión para abordar a situación dos cidadáns ucraínos chegados a Lugo, como consecuencia do conflito bélico iniciado por Rusia. Na Casa Consistorial, onde o embaixador asinou o libro de oro, a rexedora trasladoulle “a máxima colaboración do executivo municipal para acoller a refuxiados que foxen do seu país escapando da guerra e para ofrecerlles unhas condicións de vida dignas”.

Méndez lembrou que “dende o comezo da inxustificable e, dende logo, condenable invasión de Putin a Ucraína, o Concello de Lugo activou, a través da área de Benestar Social, unha planificación de acollida que inclúe os pisos de emerxencia social dos que dispoñemos, así como o contacto directo e permanente para traballar da man de colectivos sociais como a Cruz Vermella ou Accem na integración social e laboral dos refuxiados”.

Precisamente, a alcaldesa e o embaixador ucraíno visitaron a sede de Accem en Lugo, situada na Rúa Pintor Laxeiro, onde mantiveron un encontro con familias acollidas por esta ONG. Trátase da entidade designada polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para coordinar a chegada de persoas refuxiadas ao noso país. Alí puideron coñecer de primeira man o traballo que leva a cabo esta organización sen ánimo de lucro para a execución do programa de primeira acollida a solicitantes de protección internacional e persoas con protección temporal de procedencia ucraína.

Lara Méndez explicou que “segundo os datos facilitados por Accem, dende o 15 de marzo chegaron un total de 112 persoas ucraínas á capital lucense; actualmente, 58 delas atópanse nun recurso de acollida integral”. “O perfil de usuaria máis común son nais soas cos seus fillos e fillas, xa que os seus maridos están en Ucraína; cabe destacar tamén a chegada de avoas e avós que están facéndose cargo das súas netas e netos, contabilizando un total de 18 menores ucraínos refuxiados actualmente na nosa cidade”, subliñou a rexedora.

Acción coordinada a través do Eixo Atlántico

A comezos de marzo, a alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez anunciou unha acción coordinada entre as cidades de Galicia e Portugal que integran o Eixo para acoller refuxiados ucraínos, en función das posibilidades de cada localidade. Así mesmo, Méndez tamén participou no deseño dun plan de recepción e acollida de refuxiados coa FEMP, para canalizar todo o voluntariado que se está a producir nos diferentes puntos de España e ofrecer ás persoas chegadas ao noso país todas as garantías xurídicas e legais necesarias para que sexan cidadáns de primeira e de pleno dereito.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.