Trece funcións chegan a Ferrolterra da man da Rede Galega de Teatro

'Cigarreiras', dirixida por Cándido Pazó a partir da obra ‘La Tribuna’ de Pardo Pazán, chega ao Pazo da Cultura de Narón con senllas funcións mañá e o sábado
'Cigarreiras', de Cándido Pazó
'Cigarreiras', de Cándido Pazó

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata final de ano 13 novas actuacións escénicas e musicais en catro concellos de Ferrolterra. O Pazo da Cultura de Narón abrirá mañá a carteleira do segundo semestre desta programación coordinada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e farao con Cigarreiras, obra da compañía Contraproducións. Esta peza, mellor espectáculo nos premios María Casares e na que Cándido Pazó adapta para as táboas a novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, representarase mañá venres ás 20:30 e o sábado, ás 20:00 horas.

A actividade no escenario naronés dentro da devandita Rede continuará este mesmo domingo ás 18:00 da man de Galitoon, que lle brindará ao público familiar un espectáculo que mestura as marionetas de gran formato co teatro de luz negra: Golulá. En novembro chegará a quenda das outras actuacións artísticas que completarán a programación deste segundo semestre: a compañía madrileña Ron Lalá ofrecerá a súa obra Villa y Marte o sábado 5 e a Martins Aneiros Band actuará en concerto o día 19.

Danza e Teatro no Jofre

Precisamente, a compañía Galitoon será a encargada de abrir o programa semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Jofre de Ferrol co citado Golulá, espectáculo que se poderá ver o domingo 30 de outubro nunha sesión matinal que comezará ás 12:30 horas. Case un mes despois, o venres 25, visitará o histórico escenario ferrolán Estudo Momento, formación escénica que traerá a súa peza 1888. A señorita Xulia, adaptación do texto de August Strindberg interpretada por Iria Ares e Xoán C. Mejuto.

Por último, o venres 9 de decembro o público de Ferrol terá a oportunidade de ver un pioneiro espectáculo de danza vertical: ALMA (non é hippie). Trátase dunha produción do Colectivo Verticalia, conformado polas compañías de artes do movemento Duelirium e Traspediante co apoio da produtora Pistacatro.

Nas Pontes e Cedeira

O programa semestral deste circuíto de exhibición de espectáculos coordinado pola Xunta complétase na área de Ferrolterra coas catro funcións previstas nas Pontes de García Rodríguez e mais en Cedeira. No primeiro concello, o seu Auditorio Municipal Cine Alovi recibirá o 4 de novembro Cigarreiras, de Contraproducións. Unha semana despois, o día 11, Gallaecia Eventos será a protagonista con Coleccionistas-A arte feita comedia, espectáculo que reúne a Marcos Pereiro, Santi Romay e Oswaldo Dijon. Divertimentos, obra de N+1 Teatro Circo Danza, visitará As Pontes de García Rodríguez nunha sesión matinal o xoves 24 e, ao día seguinte, De Ste Xeito Producións chegará coa obra Feminíssimas.

 Pola súa banda, Cedeira programa e não saber o que me espera, homenaxe a Zeca Afonso que corre a cargo de Nacho · Faia · Lar. Este proxecto reúne a voz de Faia Díaz coa batería de LAR Legido e a electrónica de Nacho Muñoz. A cita con este tributo á música do célebre autor portugués será no Auditorio Municipal o 12 de novembro.

 

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.