O Concello de Ferrol está a promover o comercio local e os produtos de proximidade cunha nova iniciativa que neste caso chega aos centros escolares da cidade co obxectivo de animar aos máis pequenos a consumir alimentos locais e manter hábitos saudables.
Nas próximas datas, a Administración local entregará a todos os centros escolares de educación primaria de Ferrol, tanto públicos como concertados, un total de 25 exemplares do libro ‘Lapis Verdes. Unha ollada a Viladoce’, con texto de Miguel Anxo Romero e ilustracións de Leandro Lamas.
O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, explicou que se trata dunha “pequena e dinámica obra” dirixida a os máis pequenos que aborda “no escenario dunha bonita vila denominada Viladoce a importancia de manter hábitos saudables e unha boa alimentación baseada en produtos locais de proximidade, con gran presenza das froitas e verduras, e a necesidade de coidar e respectar a nosa contorna a partir de pequenos xestos”, como separar o lixo ou facer un uso responsable da auga ou da enerxía.
O libro, ademais, contén varias actividades coas que os equipos educativos dos centros de Ferrol poderán traballar nas aulas e “lembrar a importancia de coñecer os nosos mercados municipais, onde atopamos excelentes produtos locais”.
Discussion about this post