O valo de Porto. Un monumento ás vítimas do franquismo

Simulación do proxecto do 'muro do Porto', que serviría para render homenaxe ás vítimas do franquismo en Pontedeume | PEPE BARRO
Simulación do proxecto do 'muro do Porto', que serviría para render homenaxe ás vítimas do franquismo en Pontedeume | PEPE BARRO
Hoxe, 31 de outubro, vén de ser declarado ‘Día de Recordo e Homenaxe ás Vítimas do Golpe militar, da Guerra e do Franquismo’ trala aprobación da nova Lei de Memoria Democrática

 

Estase a promover polo Ateneo Fernán Martís de Pontedeume, un monumento ás vítimas do franquismo , simbolizado na muralla de pedra que terma da parte baixa da rúa de Porto, no que traballaron persoas represaliadas en réxime de traballo escravo nos anos da guerra civil. Cando o dezaoito de xullo de 1936 chegan as primeiras noticias do golpe de estado do Exército de África, crease en Pontedeume, a instancias do Goberno Civil da Coruña, o Comité de Defensa da República, constituído polo alcalde e representantes dos partidos e outras organizacións. Este comité organiza patrullas que vixían e protexen,  as entradas da vila, o Concello, as oficinas de Correos e Telégrafos, a Igrexa parroquial , o cuartel da Garda Civil, e a estación do ferrocarril.

A cidade da Coruña cae en mans dos militares rebeldes o luns 20 e os días 21 e 22 controlan Ferrol e a súa comarca. Ás oito da mañá do xoves  23 de xullo sae de Ferrol unha columna do Rexemento de Artillaría de Costa nº 2 , mandada polo comandante Pedro Iglesias Sierra, e composta por un capitán, cinco tenentes, oitenta soldados (suboficiais, cabos e artilleiros), armados con mosquetón,  un camión blindado con tres metralladoras , acompañados por quince gardas civís e algúns falanxistas.

Chegan a Pontedeume sobre ás once da mañá, onde apenas haberá resistencia ante a superioridade manifesta das forzas sublevadas , agás  un pequeno tiroteo na barricada situada na  ponte sobre o Eume, levantada polo Comité de Defensa da República.  Algúns dos defensores da liberdade e da legalidade republicana, tentan escapar ou agacharse polo monte Breamo, producíndose varias detencións.

Nos días e semanas seguintes desatase unha forte e indiscriminada represión, con detencións e cárcere, “paseos” ou fusilamentos sen xuízo previo ou  logo de procesos sumarísimos  coa acusación máis frecuente de “rebelión militar , de dirixentes, afiliados ou mesmo simpatizantes dos partidos, sindicatos e sociedades agrarias , que apoiaban ao Fronte Popular e eran leais á República. Foron asasinadas preto de trinta  veciños de Pontedeume .

Simulación do monolito 

Algúns conseguirán permanecer agachados  varios anos, como “toupas”, agardando que pase a onda máis represiva,  ata que acaban entregándose e sufrindo prisión ou desterro, e outros manteranse fuxidos no monte, incorporándose á resistencia ou irán ao exilio.

Varias mulleres  serán castigadas co corte de pelo ao rape para escarnio público, as “rapadas” ou “peladas”. Moitos mestres e funcionarios públicos, son depurados ou castigados sen emprego e soldo.

Outras persoas foron castigadas a traballos forzados, na praza do Conde retirando os cascallos e restos do Pazo e na construción do muro da rúa de Porto. Non sabemos o tempo que durou este traballo escravo e humillante, pero si que algúns dos castigados tiveron que solicitarlle ao alcalde que lles rebaixase a xornada de castigo, para poder atender aos seus oficios e poder dar de comer as súas familias.

Pasaron xa moitos anos e pode ser que chegue tarde, máis compre devolverlles aos que todo perderon, aos milleiros de familias que ficaron marcadas co medo, a dor e o silencio, a xustiza da lembranza e o recoñecemento, co desexo de que endexamais  se volva a repetir tanta barbaridade e tanto mal.

Neste contexto temos que enmarcar esta sinxela homenaxe que promove o Ateneo eumés , cun proxecto de Monumento ás vítimas do franquismo en Pontedeume que foi presentado o venres catorce de outubro, na Casa da Cultura de Pontedeume, e que conta coa colaboración e patrocinio do Concello para facelo realidade.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.