Sen dúbida algunha, Galicia é coñecida por unha morea de aspectos que nos fai sentir especiais á todos os galegos e galegas: a súa gastronomía, a súa inmensa e única cultura e -como non- a súa xente. Porén, hai algo que sobresae por enriba do resto e que é a principal atracción para os turistas: a súa contorna natural.
Rodeada de espazos verdes e azuis interminables, a nosa comunidade agocha un milleiro de segredos que esperan a ser descubertos polos máis aventureiros. Dende fermosas paisaxes ata belidos animais que lle dan vida e autenticidade á nosa terra. Unha desas especies que fan única Galicia é a destacable píllara das dunas.
En perigo de extinción
A píllara das dunas é unha ave única no mundo, catalogada pola Consellería de Medio Ambiente como unha especie vulnerable debido ás dificultades as que ten que facer fronte para poder sobrevivir. O cambio de mareas e as tormentas son un constante perigo para as crías das píllaras, pero o ser humano tamén ten parte da súa culpa. As nosas costas soen estar ateigadas de xente en pleno período estival, o que supón unha gran adversidade para o mantemento desta especie, polo que as administracións intentan levar a cabo proxectos de toda índole para facer unha chamada de alerta, como é o caso de Valdoviño.
A Píllara das dunas de Valdoviño
O Concello de Valdoviño, en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural vén de editar material divulgativo sobre a píllara das dunas. O que procuran con esta acción é concienciar á cidadanía sobre a necesidade de preservar unha especie única presente na praia da Frouxeira.
Dito programa iniciouse hai uns meses da man do CPI Atios no que alumnos e alumnas do centro educativo local elaboraron debuxos sobre a importancia de axudar á supervivencia da píllara. Debuxos presentes en paneis informativos situados ao pé da lagoa nun acto protagonizado polos nenos e nenas do colexio. Este material está a disposición da veciñanza na Oficina Municipal de Turismo emprazada na Porta do Sol.
O folleto editado inclúe información de interese sobre a vida da píllara, os perigos que ameazan a súa supervivencia e a súa presenza na Frouxeira, así como as sinxelas medidas que se deben adoptar para contribuír ao mantemento da especie.