O Concello de Ortigueira programa un ano máis para as vindeiras semanas as actividades de Ocioverán Concilia 2020, con novidades obrigadas debido á situación de pandemia que estamos a vivir. A primeira é que non se tratará de actividades abertas a todos os rapaces e rapazas -de entre 4 a 11 anos empadroados no municipio-, senón unicamente para aqueles casos nos que sexa necesario por razóns de conciliación familiar durante o verán. Deste xeito, é requisito obrigado que os dous pais teñan obrigas laborais no horario de mañá.
Ademais, na valoración que se terá que realizar se o número de solicitudes é superior ao de prazas teranse en conta as circunstancias económicas da unidade familiar, polo que os solicitantes terán que presentar a declaración do IRPF ou similar para xustificar os seus ingresos.
Como medida de prevención intentarase que todas as actividades se desenvolvan ao aire libre, reducindo ao máximo o uso de espazos pechados. O Concello está decidindo cales serán as instalacións que se van utilizar e destaca que será obrigatorio o uso de máscara, xel, luvas e aqueles outros elementos que se consideren necesarios por parte dos responsables das actividades. As inscricións realizaranse no rexistro xeral do Concello.