A agrupación socialista das Pontes reuniuse co tecido empresarial do municipio para falar sobre os fondos de transición xusta e o plan de recuperación da Unión Europea. Durante este encontro a concelleira de Industria, Ana Pena, explicou que o obxectivo desta reunión era coñecer de primeira man os avances na tramitacion das achegas europeas para os territorios en transición, as liñas de traballo e todos os proxectos que poderán beneficiarse destas axudas para así promover a reindustrialización do municipio e á xeración de emprego no mesmo.
Por outra banda insistiu en que, aínda que no momento actual estase a loitar pola continuidade da central térmica co uso de biocombustibles, é necesario aproveitar as oportunidades de apoio económico para a reindustrialización e diversificación industrial. Para iso débese captar novos proxectos e modernizar as distintas actividades empresariais locais que poidan xurdir desde os fondos de transición europeos.
A reunión tamén contou coa presencia do eurodiputado socialista Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, quen explicou que a pandemia provocada pola Covid-19 acelerou a posta en marcha do Fondo Europeo de Transición Xusta e o aumento da súa coantía, a cal inicialmente era de 7.500 millóns de euros, e que agora pasou aos 40.000 millóns.
Sinalou ademais a importancia de deseñar unha estratexia de transición xusta para poder captar máis fondos, centrándose na recuperación industrial das zonas afectadas polos procesos de descarbonización, por medio de proxectos industriais sostibles e non exclusivamente enerxéticos, que promovan a transición enerxética ou a transición dixital.
Ademáis estas achegas tamén se destinarán a proxectos orientados á promoción do comercio, á revitalización do turismo así como para que as administracións públicas poidan mellorar a calidade de vida da veciñanza