A praza do Inferniño de Ferrol acolleu este mediodía o acto central de Galicia en Común-Anova Mareas nun acto no que interveu, na súa cidade natal, a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xunto ao candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, e onde tamén estiveron presentes Martiño Noriega, o exacalde da cidade naval, Jorge Suárez, e as candidatas pola Coruña, Saínza Ruíz e Elena Pernas.
“Ninguén nos vai a dicir o que é defender a Galicia e as galegas e galegos. Defender Galicia é o que xa estamos a facer no Consello de Ministras e defender Galicia é o que faremos, a partir do luns 13, desde o Goberno da Xunta”. Antón Gómez Reino tomou a palabra en Ferrol para agradecer o traballo feito por transformar a cidade por Ferrol en Común e ao resto das mareas municipalistas.
“Vaia sí se nota que Galicia está no Goberno, vaia si se nota. Son, están a ser as mulleres galegas as que están a marcar o camiño das políticas mais avanzadas e progresistas deste país pola esquerda e cunha ministra ferrolana e feminista”, remarcou Gómez Reino.
“Temos o compromiso firme e determinado de rexenerar as nosas rías. A de Ferrol pero todas as nosas rías porque precisamos dun compromiso e unha dirección política que diga que os noso ecosistemas son claves. Precisamos un Goberno galego que quera e faga barcos”, dixo o candidato á Xunta.
“Estou na miña casa”, manifestou a Ministra de Traballo e deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, abrindo a súa intervención entre aplausos. “Dixen no Senado que aquí, en Ferrol, a miña casa e a da miña filla, sabemos facer barcos. Facer barcos non é só construir buques: é un modo de vida. Estou orgullosa de ser de aquí e dos que me ensinaron a ser como son e fago o qe fago porque aquí o aprendín. Nunha cidade dura e combativa onde aprendimos a ser solidarios para defender a vida e arrimar o hombreiro para saír adiante”.
“Pódese gobernar para a xente. Esto é o que estamos a facer no Goberno de España e isto é o que faremos con Galicia en Común no Goberno da Xunta e con Antón Gómez Reino como garantías”. “Sei que non é doado. Os inimigos son moi fortes”, manifestou Díaz. “Veño de dicir que o teletraballo non pode ser un novo xeito de explotación laboral. Ten que ser con garantías e dereitos, con diálogo social sempre e sen que esquecer de que lado estamos e a quen representamos”, incidiu.
“Feijóo é un presidente virtual que é derrotable. Este domingo daremos esa batalla para derrotalo”, rematou a ministra ferrolana.
O exalcalde de Ferrol, Jorge Suárez, tomou a palabra no acto para facer bandeira “dunha ministra, a nosa ministra, que agora é de todas e todos. Desde o desde o diálogo e o consenso, sen facer grandes alardes, con traballo, está conseguindo poñer ás clases traballadoras no centro. Imos lograr unha maioría de esquerdas que tumbe dunha vez ao rei dos caciques, a Núñez Feijóo”, proclamou.
No acto, tamén interviñeron as candidatas Saínza Ruiz e Elena Pernas, que puxeron o foco na ausencia abolsuta de políticas sociais do PP de Feijóo desde o 2009 para os coidados, os maiores e a conciliación. “Once anos de Feijóo non serviron de nada. Recortes, recortes e recortes. Iso foi o que fixo”, concluíu Ruíz.