A Xunta mellorará a eficiencia enerxética de nove centros de saúde repartidos polas tres comarcas, co fin de «reducir os custos enerxéticos e apostar pola mellora ambiental», repercutindo tamén na calidade de vida dos cidadáns. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) asinarán un acordo que permitirá a instalación de caldeiras de biomasa nestes centros de saúde.
En concreto, levarase a cabo nos centros de saúde de Caranza, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Pedroso, Pontedeume, Serantes e San Sadurniño. En total, calcúlase que supoñerá 218 toneladas menos ao ano de emisións de CO2.
A Administración autonómica investirá un total de 465.000 euros, a través de fondos Feder, neste proxecto. Para levar a cabo a instalación das caldeiras, priorizouse aqueles centros de saúde que contan na actualidade co uso de gasóleo, propano e acumuladores eléctricos para apostar por enerxías renovables e reducir os custos enerxéticos.