A concellería de Benestar Social de Ferrol vén de constituír a primeira Mesa de Traballo do Terceiro Sector de Ferrol, un órgano que nace co fin de optimizar recursos e traballar de maneira conxunta con entidades da cidade na prestación e atención de necesidades básicas, sobre todo de alimentos, entre os mais vulnerables.
Desta maneira, o departamento de Servizos Sociais do Concello, buscará unir forzas con outras entidades que se dedican a atender aos máis vulnerables para optimizar os recursos dispoñibles. A esta primeira reunión de constitución, que tivo lugar o pasado venres 10 de xullo asistiron representantes de Cáritas, Dignidad, Banco de Alimentos, Arraigo, Cruz Vermella e Dios y Pan, mentres que Adra tamén forma parte.
Neste encontro, a primeira proposta foi incidir máis no traballo da Cocina Económica, a cal foi respaldada por todos os asistentes. A maiores tamén houbo unanimidade á hora de decidir traballar en rede e
de tratar de buscar a mellor fórmula para mellorar o servizo de reparto de comida, para o que se puxeron enriba da mesa diferentes opcións que serán estudadas por cada unha das entidades.
Por outro lado, a representante de Cruz Vermella e o coordinador técnico municipal explicaron o funcionamento da xestión e tramitación da tarxeta moedeiro concedida pola Xunta, que tramita a concellería de Servizos Sociais do Concello e entrega Cruz Vermella.