O programa municipal “Narón en Transición” convoca este sábado día 18 de xullo un novo obradoiro sobre “Chef solar e alimentación saudable”. Nesta ocasión a cita será no campo da festa da Solaina (fronte ao local social municipal) en horario de 11.00 a 13.00 horas. A cita que o pasado sábado se desenvolveu no paseo marítimo de Xuvia obtivo moi boa acollida entre a veciñanza de Narón e incluso doutros concellos, polo que se espera que a seguinte edición sexa recibida do mesmo modo.
A actividade é de balde e que non require inscrición previa, e vai dirixida a persoas de todas as idades, permitindo a participación en obradoiros de cociña solar, construción de cociñas e fornos solares, de móbiles e vehículos solares, alimentación saudable… guiados por profesionais nestas materias.
A ecoloxía e o coidado e respecto do medio ambiente están moi presentes nestas actividades gastronómicas incluidas dentro do programa Narón en Transición. O 19 de setembro a cita con estes mesmos obradoiros será na Praza da Gándara e o 26 de setembro na Praza de Galicia. Cabe destacar que as mencionadas actividades se realizan seguindo as indicacións sanitarias impostas.