A senda peonil e ciclista de Valdoviño estará rematada despois do verán

Permitirá contar cun itinerario continuo de 5,5 kilómetros no treito da AC-116 entre Riobó e Meirás
image_gallery (2)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no que a Xunta está a investir máis de 800.000 euros, estará á disposición dos veciños e veciñas este mesmo ano e permitirá contar cun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.

A titular da Xunta acompañada polo alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, supervisou hoxe o avance das obras que está a executar a Xunta pola marxe dereita da estrada AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás. Trátase de habilitar 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación, en palabras da conselleira, “importante para Valdoviño e para os seus veciños, para facer máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.

A conselleira referiuse aos traballos que xa están executados nun treito de senda en Meirás, desde onde se atopa a panadería cara a Lago, e ás actuacións de saneamento e drenaxe necesarias que están a levar a cabo nestes momentos. Destacou que a nova senda completará un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño. Coas novas sendas que se están a executar, e tendo en conta as beirarrúas existentes, quedará conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

O novo itinerario que se está a executar en Valdoviño forma parte do Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, que prevé a execución de 6 sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, cun investimento superior aos 4 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 Máis investimentos

A conselleira referiuse tamén a outros investimentos que se están a impulsar desde o departamento que dirixe en Valdoviño de cara a mellorar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade.

Adiantou que en breve se adxudicarán as obras de acondicionamento da estrada AC-566, que vai desde Valdoviño a Cedeira, cun investimento de 4,4 millóns de euros. Trátase dun treito de case 4 km desde a saída do núcleo urbano ata A Ramalleira, no que se habilitarán carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito da actuación.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.