Narón participou nunha iniciativa solidaria impulsada tras decretarse o estado de alarma, co fin de recadar fondos para axudar ás persoas que están atravesando dificultades económicas e precisan axuda do Centro de Recursos Solidarios para dispoñer de alimentos básicos e produtos de limpeza e hixiene.
Na mañá de onte 15 de xullo realizouse a primeira das entregas de material no mesmo Centro de Recursos Solidarios, dende onde se repartiu entre o centenar de familias da cidade que reciben atención. En conxunto, recadáronse uns 40.000 euros, unha contía que permitirá abastecer nos vindeiros meses ao Centro de Recursos dunha serie de produtos para axudar ás persoas que máis vulnerables e que viron empeorar a súa situación tras a crise sanitaria da Covid-19.
O representante da Xunta de Persoal do Concello de Narón desprazouse onte ás citadas instalacións para realizar a entrega dos produtos adquiridos nesta primeira compra: alimentos, artículos de hixiene e de limpeza. As doazóns económicas realizaranse durante un período de seis meses –de xuño a decembro-, detraendo da nómina do persoal funcionario e político do Concello de Narón que se acolleu a esta iniciativa a contía que en cada caso consideraron oportuna a título individual.