Como xa anunciou ENFOQUES.GAL o pasado mes de maio, confírmase que entre os días 15 e 23 de agosto terá lugar o ABANCA Pantín Classic Galicia Pro, na praia de Pantín, Valdoviño. O areal acollerá en agosto un dos primeiros eventos deportivos con público tras finalizar o Estado de Alarma. A organización, co apoio das institucións públicas e entidades privadas aúnan esforzos para consolidar a imaxe de Galicia como un destino seguro non só para a práctica de surf, senón para o Turismo e Deporte en xeral.
Esta 33º edición será a primeira gran probra da World Surf League (WSL) en Europa esta tempada. A asociación internacional anunciuo o pasado mes de abril que suspendía tódolos eventos previstos ata o 1 de xuño, aínda que tamén se cancelaron probas de xullo e incluso de agosto.
Con cada ano o ABANCA Pantín Classic Galicia Pro consolida o número de participantes e espectadores, así como o prestixio da proba, e este ano non será menos. Surfeiros de alto nivel xa confirmaron a súa asistencia, tanto en categorías masculina e feminina, aínda que probablemente haberá máis presencia europea que outros anos debido as restriccións de voos procedentes dos Estados Unidos, Australia ou Brasil.
Pero o ABANCA Pantín Classic Galicia Pro supoñerá non só unha gran oportunidade no ámbito deportivo internacional, senón tamén para os seus veciños, quen cada ano acollen con ilusión a proba e colaboran para a súa realización, xa que o evento xera un importante impacto económico na zona. Como xa anunciaran desde a organización, o evento extradeportivo vaise reducir en tamaño e aforo para poder manter as medidas de seguridade e sanitarias pertinentes.
A gran prioridade nesta edición será a de garantir a seguridade de competidores, traballadores e asistentes ao evento, polo que dentro do recinto pechado que se habilitará durante os días de competición implantarase un protocolo de actuación específico. Así mesmo, tanto dentro como fose do recinto, no paseo e praia, será obrigatorio seguir as normas e especificacións que as Autoridades Sanitarias, a Xunta de Galicia, o Concello de Valdoviño e a propia Organización especificarán para o seguro desenvolvemento da proba.