Ames celebra a cuarta Festa do Apego

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns vivirá o 6 de maio unha xornada chea de actividades familiares para promover a transmisión do galego
A presentación da cuarta Festa do Apego en Ames | CONCELLO DE AMES
A presentación da cuarta Festa do Apego en Ames | CONCELLO DE AMES

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza o sábado 6 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a cuarta Festa do Apego, celebrando este programa que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de cero a seis anos e contribúe á socialización en galego. A entrada será libre e gratuíta.

Esta xornada festiva e ateigada de actividades variadas e participativas orientadas a un públìco infantil e familiar desenvolverase de 11:00 a 21:00 horas, con concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos para enriquecer a crianza. As librarías de Ames, Máinomen e Lenda de Bertamiráns e Nenos Nais do Milladoiro colaboran co proxecto ofrecendo nos seus escaparates unha mostra de recursos infantís en galego —libros, discos, xogos, contos…— que estará dispoñible desde o 2 ao 6 de maio. Se o tempo non permitise desenvolver as actividades en exterior, trasladaríanse para a Casa da Cultura de Bertamiráns.

Programación

A festa do Apego comeza ás 11:00 horas coa actividade “Triscus Beliscus”, de Rilo & Penadique. Nela, Vero Rilo e Sonsoles Penadique convidan á cativada a xogar, cantar, contar e bailar. Está dirixido a nenos e nenas de cero a tres anos. Ás 12:00 será a hora dos “Contos para caghar patatillas”, de Brais das Hortas, que achegará música, clown e contos a partes iguais con instrumentos de refugallo creados en directo. Trátase «dun espectáculo para morrer de medo… ou de risa!» Diríxese ás crianzas a partir de tres anos.

Para rematar a quenda de mañá, ás 13:00 horas Magín Blanco presentará o espectáculo “Caderno de cores e cancións”. Será un concerto participativo no que Magín Blanco e Pablo Vidal convidan ás crianzas a xogar cos elementos que compoñen as cancións, como melodías, harmonías, rimas ou ritmos. Esta actividade diríxese a un público familiar.

A programación da cuarta Festa do Apego en Ames | CONCELLO DE AMES

Ás 17:00 horas Xarope Tulú chegará ao pazo coa Lingoreteira, unha sesión de contos, música e monicreques para facer un percorrido polas historias da tradición oral e para homenaxear a lingoreteira que hai dentro de cadaquén e que permite que a palabra e a oralidade sigan a crear vínculos de apego co noso. Esta actividade está recomendada para un público a partir de tres anos.

Pakolas e Laura Romero aterran na Festa do Apego ás 18:30 horas coa actividade “Cores, contos e rockanroll coa Ramona pequena”, un espectáculo interactivo para familias no que as cores e os debuxos se mesturan cos contos e coa música rokeira para fartarse de cantar, de bailar e de gozar en todos os sentidos. Ás 20:00 horas A Gramola Gominola pechará a festa co concerto “O poder da Superlingua”, para rematar o día cantando e bailando cos ritmos máis actuais e diversos.

Actividades permanentes

Ao longo de todo o día a Festa do Apego contará tamén cunha serie de “espazos permanentes” nos que as nenas e os nenos poderán estar xogando ou lendo e as persoas adultas vendo e recollendo información sobre diferentes recursos educativos. Estarán abertos das 11:00 ás 13:00 e das 16:30 ás 20:00 horas. Neses espazos estará Brazolinda con xogos de mesa de moi diferentes temáticas e para todas as idade, e Miudiño co seu espazo de xogo libre “Terra”, creado con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar a creatividade.

Noutro dos espazos estará Fabaloba cunha ampla mostra de recursos para facilitar as diversas etapas e momentos da crianza, con contos, música, audiovisual ou xogos. Por último, a festa contará cun espazo Apego no que o persoal do Servizo de Normalización Lingüística achegará información sobre o programa e os recursos que pon ao dispor das familias interesadas.

Asmesmo, entre as 17:00 e as 20:00 horas desenvolverase un taller de tatuaxes e chapas con Apego a cargo de Eduvía, para que os nenos e nenas que o desexen poidan elaborar tatuaxes temporais e levar un agasallo en forma de chapa da Festa do Apego.

Á presentación do programa acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Fátima Souto. Pampín destacou a «demanda constante» deste tipo de actividades por parte das familias amesás e a necesidade de seguir achegando recursos lúdicos e formativos que favorezan a transmisión da lingua. Agarda que esta festa sexa «un espazo de encontro» para todas as familias interesadas nunha crianza en positivo e «chea de apego e orgullo polo noso».

Para obter máis información pódese escribir ao enderezo electrónico [email protected] ou chamar ao número de teléfono 662 377 215.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.