O Concello de Pontedeume xa conta cunha rede gratuíta de WIFI operativa en distintos puntos da vila. A iniciativa inclúese no proxecto WiFi4EU da Unión Europea para a instalación de wifi en zonas públicas, promovendo o acceso gratuíto á conectividade en espazos públicos como parques e prazas. O Concello conseguiu unha axuda no marco do mencionado programa de 15.000 euros para poñer en marcha a rede wifi.
A primeira fase da aplicación deste proxecto comprende as ubicacións da Praza do Conde, Praza Real, Alameda de “Rajoy”, Parque Sarmiento e Parque Infantil do Paseo Fluvial Rosalía de Castro. Nesas zonas, a rede gratuíta de wifi xa está operativa, tras instalar os diferentes equipos de conexión e puntos de acceso. Cada unha das ubicacións estarán sinaladas cunha infografía, así como cun código QR para consultar as súas características e o seu manual de acceso. Ditos manuais están dispoñibles tamén na web do Concello.