Esta mesma semana botará a andar a execución do proxecto de rehabilitación das envolventes dos números 1-8 da rúa Betanzos, en Recimil. Así o anunciou hoxe o voceiro do goberno local na comparecencia posterior á reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o último trámite previo ao inicio dos traballos.
O tamén concelleiro de Urbanismo destacou que este é o proxecto municipal de maior orzamento que se pon en marcha nos últimos anos, xa que foi adxudicado por 1.358.275,24 , o que o sitúa a un nivel similar ao da praza de Armas. Estes traballos significarán unha drástica redución dos labores de mantemento nos edificios que se beneficien deles.
Con estas actuacións dáselle continuidade á rehabilitación do primeiro parque de vivenda pública de Galicia e un dos primeiros de España. Reina reuniuse o pasado venres cos responsables da adxudicataria, coa dirección de obra e con técnicos municipais para planificar o inicio inminente dos traballos, cuxo prazo de execución é de seis meses.
Unha aposta pola rehabilitación
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude para que Ferrol participe na anualidade 2020 do Programa de Fomento da Rexenaración e Renovación Urbana e Rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 no eido da rexeneración urbana. Coa participación na nova anualidade volveránse beneficiar os veciños de Ferrol Vello, A Magdalena, A Graña e Esteiro Vello como xa o viñan facendo nos últimos anos.