A asociación de veciños Santa Comba, de Covas, e o Concello de Ferrol acordaron cancelar o tradicional desfile de carrozas que cada ano, coincidindo co derradeiro domingo de agosto, percorre Santa Comba durante as festas da parroquia. Tras analizar as medidas de seguridade que esixen as autoridades sanitarias para a celebración deste tipo de eventos, todos os presentes coincidiron en que nesta ocasión, debido ás características do desfile, non resulta posible garantir o cumprimento dos protocolos motivados pola alerta sanitaria da Covid-19.
O presidente da asociación entendeu que, dada a situación actual, resulta “inviable” organizar esta actividade, que anualmente conta co apoio do Concello, e destacou que “as medidas son as normais” para evitar un rebrote da epidemia. Por ese motivo, trasladoulle ao concelleiro que nesta ocasión “o recomendable é suspendela e comezar a traballar na edición do próximo ano”.
Pola súa banda, o edil de Seguridade mostroulles o seu agradecemento aos representantes veciñais pola súa “boa disposición e colaboración” e destacou tamén o “comportamento exemplar” da cidadanía. Germán Costoya lembrou que nestes momentos a área sanitaria de Ferrol é a primeira de Galicia na que non hai rexistrados casos de covid-19, polo que “é necesario contribuír a que esta situación se prolongue todo o posible”.