O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e representantes da Deputación firmaron esta tarde na asociación de veciños de Serantes as actas de pago e ocupación correspondentes ás expropiacións necesarias para que o organismo provincial poida construír as longamente demandadas beirarrúas de Serantes.
Trátase do último trámite que debe facer o Concello antes de que a Deputación poida licitar a segunda fase dunhas obras que van supoñer unha gran transformación da avenida do 19 de Febreiro, sobre todo no que se refire á seguridade. Esta actuación vaille dar continuidade á primeira fase dun proxecto que contempla catro. Na actualidade están finalizados os primeiros 300 metros desta vía provincial, mentres que a que se vai levar a cabo agora abrangue dende ese punto quilométrico 0,300 ata o 1,100, tramo no que se atopan os que seguramente son os lugares máis perigosos para os peóns.
O proxecto inclúe a ampliación da calzada ata os sete metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e beirarrúas de 2, ademais da renovación de servizos como as redes de saneamento e abastecemento de auga. Tamén se instalarán luminarias novas, con tecnoloxía LED, que substituirán ás lámpadas de vapor de sodio actuais. Esta segunda fase terá, á súa vez, continuidade cunha terceira, que o goberno local de Ferrol someteu ao pleno o pasado ano e que foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos que compoñen a corporación.
Case 300.000 euros e 67 propiedades
O importe das expropiacións firmadas esta tarde, que correrá a cargo do Concello, ascende a 276.673,92 euros. Os terreos afectados son 67. A parte do investimento que corresponde á execución do proxecto é responsabilidade da Deputación, que ten previsto destinar 636.110,84 euros a este fin. Así, o conxunto do proxecto aproximarase ao millón de euros.