O Laboratorio de Análises Clínicas da Área Sanitaria de Ferrol realiza unha media de 330.000 determinacións clínicas ó mes. Estas determinacións fanse máis rápido e con maior eficiencia, trazabilidade e seguridade dende o pasado mes de setembro tras a renovación total do laboratorio CORE. Esta é unha gran área técnica que dá servizo a distintos ámbitos do laboratorio, e onde se realizan o 80% das determinacións.
Tódolos elementos que conforman a cadea téñense renovado pola última tecnoloxía e con maior potencia analítica, convertendo ao CHUF nun dos complexos hospitalarios máis modernos de Galicia ó contar coa última tecnoloxía, e o primeiro en ter o laboratorio de urxencia e de rutina integrados no laboratorio CORE.
Eficiencia e seguridade
As mostras chegan identificadas xa no punto de extracción, co que non é necesario ningún tipo de manipulación manual, evitando así erros de identificación. Esta cadea permite tamén dar prioridade ás mostras que son urxentes ou preferentes, como os pacientes hospitalizados, o hospital de día, diálise ou as urxencias. Co novo sistema informático, e grazas ó sistema de transporte magnético e bidireccional permite priorizar esa mostra sen penalizar a proba de rutina.
Na fin da cadea, esta nova automatización fai posible gardar durante unha semana os tubos nunha neveira con capacidade para máis de 15.300 tubos. Así o profesional que pide a proba pode ampliar algún dos aspectos solicitados sen que o paciente teña que volver facer a analítica. Transcorridos eses días, a cadea elimina os tubos automaticamente.
Laboratorio de Análises Clínicas, actividade e calidade
A este laboratorio chegan aproximadamente entre 1.200 e 1.400 mostras diarias non urxentes, entre 180 e 250 peticións urxentes diarias; e entre 130 e 200 mostras ó día de pacientes ingresados.
O laboratorio, emprazado no Hospital Arquitecto Marcide do CHUF abrangue a actividade de toda a Área Sanitaria de Ferrol distribuída en distintos ámbitos e prioridades. Esta actuación de renovación adxudicouse en concurso público da Área Sanitaria de Ferrol por un importe estimado de 2.877.094 euros máis o IVE, para un horizonte temporal de 48 meses.