O Concello de Pontedeume aprobou hoxe no pleno a adhesión a un convenio suscrito entre a Fegamp, a Xunta de Galicia e a empresa Seaga para manter limpas as fincas e franxas secundarias do municipio, evitando desta maneira o risco de incendios.
Cos votos a favor de PSOE e PP e o voto en contra do BNG, o goberno local formalizou esta mañá a adhesión a este convenio, facilitando así maiores medios para xestionar a biomasa, limpar as fincas e as franxas secundarias -áreas de 50 metros en torno aos núcleos de poboación que deben manterse libres de maleza e árbores-.
Ademais, grazas á adhesión a este convenio, o Concello de Pontedeume poderá ter o seu propio Plan de Incendios municipal, unha ferramenta necesaria pero de elaboración complexa para a que contará coa colaboración de técnicos da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, José Simoes, asegurou que este plan de incendios é moi importante e o PXOM do que dispoñen está moi renovado, o que favorecerá a súa elaboración. Para os concellos, é fundamental que os propietarios das fincas cumpran os deberes e limpen cada ano as súas propiedades, unha tarefa que será máis sinxela desde agora en Pontedeume coa adhesión ao convenio.