A programación cultural do Concello de Valdoviño continuará este sábado 8 de agosto coa Discocleta do Señor Lili, un espectáculo musical diferente e sorprendente ao que a xente non está acostumada. Desenvolverase no parque de Lago, a partir das 19:00 horas, e as invitacións para asistir pódense retirar na Oficina Municipal de Turismo hoxe luns 3 de agosto, mañá martes e mércores de 11:00 a 17:00 horas e o xoves de 11:00 a 14:00 horas.
Coa Discocleta, Fernando Pujalte, máis coñecido como Señor Lili, recrea e pon en escea unha cabina de pinchadiscos ao estilo dos 70’s. O Señor Lili emociona e fai vibrar aos presentes coas melodías populares do pasado utilizando para isto formatos en desuso. Pero o que o distingue sobre todo e o diferencia do resto é a gran conexión que establece co público.
Lonxe de ser un pinchadiscos ao uso, na súa faceta de showman e animador de pista, consegue facerse cos presentes, improvisando un karaoke -concurso participativo, bailando entre a xente- tendo en conta a respetiva distancia de seguridade, pero enchendo de cor as festas nas que a música e os asistentes marcan a pauta.
A actividade inclúese na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña e, dende o departamento municipal de Cultura do Concello lembran a obrigatoriedade de acudir a esta cita lúdica coa máscara.