Persoal municipal e de Forestal Couce S.L. empregáronse a fondo hai uns días para retirar as árbores tronzadas e a ramallada mesturada con lama que se foron acumulando durante os últimos anos na presa de Soutogrande, xusto ao pé da área recreativa. En 2016 Augas de Galicia repasou a zona e desde aquela a auga e os temporais traballaron de forma lenta pero constante ata tupir o aliviadoiro e deixar a presa case impracticable para o baño.
Agora o Concello acometeu labores de limpeza e mantemento que permiten volver utilizar o espazo para refrescarse ou simplemente para sentar ao carón do río. O custe dos traballos aproximouse aos 2.000 euros e a intervención desenvolveuse despois de remitirlle a Augas de Galicia a correspondente declaración responsable.
De feito, durante o confinamento mudou a normativa sobre intervencións nas áreas de dominio público hidráulico e tanto os concellos como as persoas particulares xa non teñen que agardar autorización para facer certos labores que afecten a cursos fluviais e á súa área de policía, senón que chega cun documento simplificado informando dos traballos que se van levar a cabo, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.
Tamén foi necesario limpar a comporta da volta do río e abrir a canle do muíño da Ponte Norte para que a auga encanada axudase a purgar os sedimentos acumulados. O río ao seu paso por Soutogrande ofrece outro aspecto trala intervención, algo que xa se deixou notar na afluencia de visitantes propios e alleos á procura da sombra dos castiñeiros e dun baño refrescante. Desde o Concello recórdase que, a diferenza da piscina -pechada por causa da crise sanitaria-, a área fluvial non conta con servizo de socorrismo e que, ademais, deben respectarse as medidas de distanciamento social e usar a máscara a partir dos 6 anos, agás no momento do baño ou cando se estea tomando o sol -sempre que se garanta un espazo mínimo de 3 m2-.