A concellería de Seguridade puxo en marcha esta semana os labores de limpeza en profundidade con solución desinfectante nos exteriores de centros hospitalarios, ambulatorios e residencias de maiores para evitar o avance do coronavirus na comarca.
Na tarde de onte xoves, un equipo formado por tres efectivos dotados con equipos de protección individual -EPI- e un camión bomba pulverizou solución desinfectante nos accesos aos ambulatorios de Serantes, Caranza, o Edificio Social da concellería de Benestar Social e residencias de maiores.
Os mencionados traballos de desinfección se levarán a cabo de luns a domingo en días alternos e incluirán tamén os exteriores do albergue de Caranza, o ambulatorio da Praza de España, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e o Centro de Atención a persoas con discapacidade (CAMF), entre outros espazos.
Máis de 800 intervencións durante o estado de alarma
O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou durante o tempo que durou o estado de alarma un total de 820 desinfeccións en diferentes espazos da cidade. No mes de marzo e abril sumaron 383, en maio outras 374 e en xuño, ata a finalización do estado de alarma, fixéronse un total de 63 intervencións.