Nas próximas semanas darán comezo as obras de renovación da cuberta no polideportivo de Meirás. No día de onte, a Xunta de Goberno Local de Valdoviño aprobaba a adxudicación á empresa Cubiertas de Pizarra Galicia SL cun orzamento de 62.302,90 euros e un prazo de execución de 3 meses. Concluía así o proceso de licitación das obras, ao que concorreron ata 11 empresas.
Deste xeito, a intervención financiarase con cargo ao POS+2019 e permitirá dar resposta ás deficiencias detectadas na infraestrutura, especialmente en relación ao estado do panel sándwich e ás placas de policarbonato, así como á corrosión detectada en elementos de anclaxe e fixación.
Para remediar a problemática, a actuación contempla a substitución dunha parte do material de cubrición nunha das augas que conforman a cuberta e a colocación de pezas de remate perimetrais e substitución do canalón.