A Policía Local de Ferrol detivo a pasada madrugada do martes 18 de agosto ao propietario dun vehículo que obstaculizou a retirada con grúa do seu vehículo do estacionamento do McDonalds de Ferrol, despois de que os axentes observaran que presentaba unha serie de modificacións e deficiencias.
Sobre a unha da mañá a Policía Local se encontraba exercendo labores de control de persoas no aparcamento do establecemento ante as numerosas queixas veciñais. Nese momento chegou o vehículo referido e os axentes achegáronse para informalo das deficiencias observadas, motivo de sanción e a consecuente inmovilización do coche no depósito municipal xa que os pneumáticos traseiros, ao estar a carrocería especialmente baixa pola suspensión, estaba en mal estado.
Ao informalo, o condutor cambiou a súa actitude e comezou a utilizar agresividade verbal e un linguaxe corporal de alteración e intimidación cara aos axentes. Unha vez chegou a grúa, o home comezou a gravar co seu teléfono móbil aos axentes e a operación da grúa para enganchar o seu vehículo. Foi informado de que debía retirarse para permitir a manobra pero continuou entorpecendo ao operario ao tempo que comezou a ameazar aos presentes, tanto aos axentes como a outras persoas na zona.
Debido as súas actuacións co conseguinte perigo que podían ocasionar, ao ser apartado o home encarouse aos axentes. Foi afastado e intentou de novo regresar á grúa, momento no que se lle indicou que se lle detiña. Posteriormente, no momento no que os axentes se dispoñían a poñerlle as esposas este resistiuse provocándolle certas lesións. Logo os policías tiveron que trasladalo ao ambulatorio da praza de España para ser atendido por unhas feridas nun cóbado no momento da súa detención.
Finalmente o vehículo puido trasladarse ao depósito municipal de Ferrol. Como consecuencia da súa presenza no aparcadoiro do McDonalds, os axentes tamén interpuxeron varias denuncias máis, unha a un condutor neglixente, outras dúas por conducción temeraria, outra por non presentar o vehículo á ITV e outra por fumar sen manter a distancia de seguridade.