O tráfico de mercadorías no peirao de Caneliñas alcanza cifras récord en 2020

Tras a aposta por dúas liñas de Containerships que conectan o mercado galego co norte de Europa, nos primeiros sete meses do ano as mercadorías aumentaron máis dun 30%
Inauguración_Nueva_Linea_def

A aposta da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao polo tráfico de contedores tradúcese en resultados positivos. O peirao de Caneliñas está a alcanzar cifras récord tras a posta en marcha das dúas liñas da navieira Containerships que actualmente unen o porto ferrolán co Reino Unido, Irlanda e o Norte de Europa, a última delas inaugurada o pasado xuño.

Gran subida no transporte de mercadorías

Segundo datos aínda provisionais, nos sete primeiros meses de 2020 movéronse 6.199,75 TEU’ s -unidade de medida do transporte marítimo refrexada en contedores- fronte aos 4.760 do mesmo período do ano anterior, o que supón un 30,25% máis. Destaca especialmente o aumento rexistrado en xullo, no que se moveron 1.404 TEU’ s fronte ao 734 do idéntico prazo de 2019. Un incremento do 91% que coincide co primeiro mes de funcionamento da nova liña que une o porto de Ferrol co Reino Unido e Irlanda.

O movemento de mercadorías en contedores nestes mesmos períodos segue tamén a tendencia ascendente. En xullo movéronse 13.259 toneladas fronte ás 7.790 do mesmo mes do ano anterior, un 70,19% máis. O incremento é do 14,62% se comparamos o acumulado dos sete primeiros meses de 2020. Un total de 62.768 toneladas movidas en contedores fronte ás 54.761 do mesmo período do ano anterior.

Internacionalización das empresas galegas

Os datos avalan a apertura das dúas liñas de tráfico de contedores que actualmente operan, a través de Containerships, na terminal de Caneliñas, xestionada por Yilport Ferrol. A última destas liñas, que tivo unha boa resposta por parte dos exportadores galegos, inaugurouse o pasado xuño, e une o porto ferrolán con Liverpool, Bristol, Greenock e Dublín.

Esta únese á que se inaugurou en 2018 e que facilita as relacións de Ferrol co Reino Unido e países do norte de Europa, como Alemaña, Países Baixos, Dinamarca, Finlandia, Polonia, Suecia, Noruega, Rusia e as repúblicas bálticas. As novas conexións comerciais constitúen unha nova oportunidade para a internacionalización das empresas galegas, xa que lles permite acceder a máis mercados a un menor custo.

Así mesmo, facilitan as transaccións comerciais do tecido empresarial galego no actual escenario marcado polo brexit, xa que lles permite contar cun servizo adicional e novas conexións co Reino Unido. Trátase, ademais, dunha solución sostible e eficiente con capacidade para novas empresas, que poden obter toda a información a través de [email protected].

Yilport Ferrol é a concesionaria da terminal de contedores de Ferrol, unha das de maior calado do Atlántico europeo. Trátase dunha filial do grupo turco Yildirim Group, un xigante industrial que se atopa entre os principais operadores de contedores a nivel mundial.

Publicidad
Xeoparque Cabo Ortegal
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.