A Xunta e o Club Playa Pantín acaban de renovar a súa colaboración para a difusión no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020 de campañas do Goberno galego contra a violencia de xénero. A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, e o presidente do Club Playa Pantín, Miguel Galeiras, asinaron este acordo no que a Xunta inviste 30.000 euros no marco do desenvolvemento en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Deporte máis sensibilización
Durante este campionato mundial de surf que se está disputando estes días, contarase cun espazo específico para difundir a campaña de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero «NON á violencia de xénero» e sobre as agresións sexuais «Agresión OFF: eu digo non á violencia sexual».
Apóstase así por unha actuación unitaria e a máxima coordinación das institucións e do conxunto da sociedade para conseguir a erradicación da violencia contra as mulleres. De feito, estas accións dan resposta a unha das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que recolle o fomento de actuacións dirixidas a sensibilizar á sociedade, en especial á mocidade, sobre as súas consecuencias e co obxectivo de que interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.
Nesta liña, a Xunta apóiase no deporte galego como aliado na loita contra a violencia de xénero mediante a difusión de campañas específicas en espazos deportivos como este e en colaboración cos clubs galegos. Posto que os deportistas son referentes para a mocidade, o Goberno galego considera clave a colaboración neste ámbito.
Así, no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2020, un dos eventos de surf máis sólidos e lonxevos do mundo no que gran parte do público é xente nova, informarase á sociedade sobre a importancia de educar en igualdade e previr condutas violentas contra as mulleres.