Narón volve a tomar precaucións, esta vez retrasarase o inicio das actividades do Programa Municipal de Atención ás Persoas Maiores. Así o anunciou a concelleira de Benestar Social, Catalina García, tras unha xuntanza mantida con persoal técnico do Servizo Sociocomunitario, do Speis e da empresa que xestiona tanto o Centro Comunitario de Maiores das Vivendas da Mariña como o Manuela Pérez Sequeiro. “Debido á actual situación sanitaria decidimos aprazar o inicio das actividades programadas anualmente para velar pola seguridade en xeral e a das persoas maiores e colectivos máis vulnerables en particular”, asegurou García.
A edil naronesa avanzou que o vindeiro mes de setembro manteranse reunións novamente para analizar o estado da situación sanitaria dentro dunhas semanas, e en función dos datos coñecidos continuarán co aprazamento se estes non son positivos. «Manteremos ese aprazamento o tempo que sexa preciso ata poder ofrecer as máximas garantías ás nosas veciñas e veciños e ao persoal que traballa nos centros», confirmaba a responsable de Benestar Social.