O pasado venres Julián Reina mantivo unha reunión cun representante dos empresarios do ocio nocturno para intentar buscar alternativas ante a situación que están a vivir, xa que desde a pasada semana os seus negocios víronse na obriga de pechar as súas portas debido á expansión do coronavirus por todo o país, o que obrigou ao Goberno central ao decretar o peche deste sector ademais de outras medidas non exentas de polémica, como a de prohibir fumar en espazos públicos se non se manteñe a correspondente distancia de seguridade.
Reclamacións do sector
Despois de estar varios meses sen poder abrir os seus negocios, os propietarios dos locais de ocio nocturno tivéronse que acoller a unha serie de estritas medidas para poder poñer a funcionar outra vez o seu establecemento, aínda que a situación non tardou moito en mutar. É por iso que os empresarios do ocio nocturno creen que a medida adoptada dende o Goberno é inxusta e desfavorable, posto que moi poucos sectores víronse na mesma posición que eles, tendo que adoptar unhas normas moi severas para poucos meses despois pechar os seus negocios.
Dende a limitación do aforo, ata a toma de temperatura na entrada do recinto, a completa desinfección do mesmo, así como a correspondente documentación para poder ter en conta as persoas que pisaron o local ese día eran algunhas das medidas que tiñan que manter para poder continuar coa súa actividade.
De portas cara fora vense coma un sector criminalizado pola sociedade mentres que, segundo os empresarios do ocio nocturno, o verdadeiro problema dos gromos que están a xurdir nas últimas semanas débese en gran medida ás festas privadas onde non existe ningún tipo de control sanitario.
Polo momento só poden esperar novas ben dende a Xunta de Galicia ou dende o Goberno central que son os únicos órganos con competencias nesta materia, polo que piden que se lles trate de igual a igual como a outros sectores ou que sexan apoiados por certas axudas xa que o impacto económico é enorme