Na tarde de onte domingo 13 de agosto, sobre as 16.00 horas, os socorristas da praia de Esmelle levaron a cabo o rescate de cinco persoas atrapadas nunha corrente. A pesar de que a esa mesma hora ondeaba a a bandeira amarela e os socorristas sinalizaron a zona da corrente e o espazo recomendado para o baño, unha parella, os seus dous fillos e outro home tiveron que ser rescatados.
Os cinco rescatados atopábanse no mar bañándose no límite da zona habilitada para o mesmo e víronse atrapados pola corrente antes de poder atender ás indicacións dos socorristas para desprazarse á zona máis segura. Na actuación interviron tres socorristas, un deles con tubo floppy de rescate e aletas deu apoio de flotación aos bañistas. Os outros dous utilizaron os taboleiros de rescate para extraelos da auga.
Incidencias na primeira quincena de agosto
O dispositivo de seguridade que o Concello de Ferrol ten destacado nas praias durante a tempada de verán atendeu 162 incidencias na primeira quincena de agosto. Nove delas consistiron en rescates de persoas que se atopaban en apuros. Cinco leváronos a cabo os socorristas de Cobas, dous tiveron lugar en Doniños, outro en Esmelle e o último en Ponzos.
En canto ao resto das incidencias -153-, 89 foron casos de atencións a bañistas que presentaban picaduras de escarapote, 30 foron cortes, seis contusións e cinco picaduras de insectos. Tamén foron atendidas nas casetas oito persoas con abrasións , unha por un pinchazo, tres bañistas por outras feridas , cinco con diversos traumatismos, outros cinco por ter area nos ollos e unha última por padecer unha alerxia.
O areal onde se rexistraron máis foi o de Doniños -52-, seguido de Santa Comba -35-, San Xurxo -28-, Esmelle -11-, Penencia -8-, Covas -8-, Caranza -7-, A Graña -3- e Ponzos -1-. O servizo de salvamento nas praias ferrolás comezou a funcionar o sábado 27 de xuño.