O plan de reparación de lousas no barrio da Magdalena, posto en marcha a mediados deste mes, obriga a reordenar o tráfico no centro da cidade con motivo dunha intervención que terá lugar mañá mércores, 26 de agosto, na intersección das rúas María e Méndez Núñez. Deste modo, desde as 07.00 horas de mañá e ata primeiras horas do venres desviarase o tráfico nos cruces de Magdalena e Méndez Núñez, Real con Arce e María con Sánchez Barcáiztegui co fin de deixar libre a zona de intervención.
O plan de reparación de lousas, que conta cun orzamento de preto de 40.000 euros, céntrase en rúas peonís do centro da cidade nas que se detectaron perigos para o tránsito dos viandantes. Consiste na recolocación de pedras que están soltas ou desniveladas. As que estean deterioradas están a ser substituídas por outras de características similares e onde hai afundimentos na rúa se están a reparar tratando de conservar as lousas existentes. As principais rúas nas que se está a actuar son Magdalena, Real, Dolores, María, Sol, Sánchez Barcáiztegui, Coruña, Igrexa, praza de España e Amboage, entre outras.