O goberno municipal impulsa un plan de dinamización do comercio e a hostalería da localidade para revitalizar dous dos sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19 e así tamén mellorar as súas perspectivas de futuro.
Esta acción de goberno levou ao executivo a contratar á empresa Goodlife Factory SL, que estará á fronte duns traballos que necesitan desde o contacto directo con empresas e consumidores ata o deseño de estratexias de mercado.
Estas medidas axudarán a debuxar unha folla de ruta que incrementará a competitividade global do tecido comercial de Cedeira cara aos próximos tres anos. O contrato ascende a 18.000 euros, sendo a empresa adxudicataria a de menor contía das tres que presentaron ofertas. Porque, segundo o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, «non só queremos que o municipio sexa cabeceira de comarca a nivel turístico senón tamén da hostalaría e, por suposto, do comercio».
Para alcanzar estes propósitos elabórase este plan para darlle un impluso a comercios e locais de hostalería e así optimizar todos os seus recursos con innovacións e melloras. Para o equipo de goberno, o plan de dinamización tamén se convertirá nunha referencia para fixar prioridades cara a futuros proxectos.
Finalmente, o rexedor destacou a importancia que ámbolos dous sectores teñen para a economía local e considerou necesario investir para coñecer cal é a súa situación actual e, a partir desa realidade, idear medidas que contribúan a fortalecer o seu futuro.