De cando en vez seguen aparecendo ao pé das estradas de San Sadurniño estullos, tubaxes vellas, restos de cables, marcos de portas e incluso uralitas que supoñen un grave perigo para a saúde da veciñanza local, Neste sentido, desde o Concello vólvese pedir a máxima responsabilidade e concienciación sobre as verteduras ilegais atopadas ao pé dos colectores, das cales poñeranse en coñecemento da Garda Civil.
Tal e como indica o alcalde, Secundino García, «por sorte os problemas máis graves son puntuais, xa que a maioría da veciñanza de San Sadurniño fai as cousas ben e está moi concienciada coa correcta xestión dos residuos. Pero aínda así debemos seguir mellorando para que non volvan aparecer restos perigosos ao lado dos contedores nin en ningún outro lugar».
Ademais de refugallos perigosos, en moitos casos tamén se botan nos contedores restos de podas, herba do cortacéspede e excedentes de colleitas, sobre todo grandes cantidades de mazás podres. Este tipo de residuos orgánicos tampouco se poden tirar nos colectores municipais. Son restos agrícolas e, polo tanto, deben ser xestionados directamente por quen os produzan.
Outra opción é a compostaxe, que non deixa de ser unha versión moderna da esterqueira de toda a vida. Neste senso, o Concello está agardando a concesión dunha subvención para desenvolver nos próximos meses un novo programa de promoción da compostaxe doméstica dos residuos orgánicos.
Lémbrase que para pequenos electrodomésticos avariados, restos de pequenas obras (non grandes obras nin uralitas), pinturas, disolventes, etc., pode acudirse de balde ao Punto Limpo de Narón, situado no Polígono Río do Pozo. Ademais, o Concello tamén ofrece un servizo gratuíto de recollida de voluminosos -mobles vellos, frigoríficos, televisores avariados e outros enseres- que se pode solicitar chamando ao 981 490 027.