Os bombeiros de Ferrol rescataron onte á noite a unha muller que se atopaba nas pozas do río Belelle, nas inmediacións da fervenza, no termo municipal de Neda. A vítima sufrira un accidente e presentaba unha lesión no nocello, unha posible fractura que non lle deixaba saír polo seu propio pé.
O corpo ferrolán foi requirido cando eran cerca das nove da noite e, para chegar ao lugar dos feitos, un cabo e dous bombeiros con equipo de rescate en altura tivo que descender por unha gran pendente de entre 120 e 180 metros. Na chamada poza grande atoparon á muller acompañada polo seu marido e dous integrantes do GES de Mugardos que acababan de localizala.
Nun primeiro momento tratouse de mobilizar un helicóptero, pero, debido a que se trata dunha zona boscosa e na que hai cables do tendido eléctrico, descartouse pór en marcha este dispositivo. Así, iniciouse o rescate polo mesmo lugar polo que se realizou o descenso.
Posteriormente inmobilizouse á vítima nunha padiola niño e en varios puntos ao longo do percorrido foi necesario realizar unha instalación de cordas e un polipasto sinxelo con polea móbil. Nos metros finais do ascenso, así como no carrexo da angarela ata a ambulancia, os bombeiros tamén contaron cos relevos de axentes da Garda Civil que se achegaron ao lugar. Os labores de rescate prolongáronse durante máis de dúas horas, ata cerca de medianoite.