Onte mércores 26 de agosto a rúa de Carmen Curuxeiras acolleu a visita do alcalde da cidade, Ángel Mato, acompañado polos responsables dos traballos para analizar en conxunto as distintas solucións que se contemplan para a instalacións dos pavimentos, canalizacións, mobiliario e alumeado público.
As obras, que inclúen tamén a reurbanización de Calatrava e de Mercé entre Benito Vicetto e Manuel Comellas, comezaron aínda este mes polo que se atopan aínda nunha fase inicial. Ata o momento retiráronse as lousas históricas do primeiro tramo da rúa e, unha vez que se completen as novas canalizacións, estas serán repostas.
Pola súa banda, o edil mostrou a súa convicción de que proxectos coma este van lograr o obxectivo de recuperar e revitalizar a zona histórica da cidade. Para o rexedor, a reurbanización de Carmen Curuxeiras é un gran paso tamén para poñer en valor o Camiño Inglés, e avanzou que a intención do goberno local é darlles continuidade a actuacións coma esta e a de Espartero, que xa está en proceso de licitación, con outras que completen a transformación do barrio.
Renovación das instalacións e do pavimento
A reurbanización de Carmen Curuxeiras saíu a licitación cun importe de 307.934,74 euros, pero finalmente foi adxudicada por 268.499 euros. Os traballos contemplan o mantemento das mencionadas lousas tradicionais de granito que aínda se conservan nesta vía, mentres que o resto do pavimento será retirado para substituílo por outro acorde co entorno.
Así, os tramos de Carmen Curuxeiras, Calatrava e Mercé que agora mesmo son de formigón pasarán a ser de pedra. Todas as instalacións, eléctricas, de telecomunicacións e de gas, serán soterradas e renovaranse as canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. Está previsto que a iluminación existente sexa substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano será renovado por completo.