O servizo de socorrismo do Concello de Ferrol realizou na tarde de onte dous rescates, un na praia de Doniños e outro na de Esmelle. No primeiro caso, o areal tiña a zona de baño coutada e a corrente sinalizada. Un home de avanzada idade atopábase na zona da corrente e os socorristas que desenvolvían labores de vixilancia na beira entraron con aletas a sacalo da auga.
Tamén onte, un home, o seu fillo e outro nadador acabaron na zona da corrente, polo que tres socorristas, dotados dun tubo de rescate floppy, aletas e dous taboleiros, rescatáronos. Ambos rescates desenvolvéronse de forma satisfactoria.
O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, quen felicitou ao servizo de socorrismo polo seu traballo nas praias, fixo un chamamento á responsabilidade dos usuarios dos areais e lembrou a necesidade de respectar a sinalización, que advirte das zonas para o baño e do perigo das correntes, este verán especialmente enérxicas en Esmelle. Do mesmo xeito, o concelleiro convidou aos bañistas a consultar aos socorristas ante calquera dúbida.