O Corpo de Bombeiros de Ferrol dispón dun novo dron que se acaba de unir ao que xa estaba en funcionamento. O aparato conta cunha cámara con capacidade de visión térmica, o que fai posible detectar focos de calor aínda que non se poidan observar directamente.
Esta funcionalidade, da que carecía o anterior, facilitaralles ás dotacións a detección, dende o aire e a distancia, dos puntos sobre os que deben actuar en caso de incendio. Da mesma forma, será moi útil para detectar fugas de gases porque mostrará a variación de temperatura respecto do aire.
A loita contra os lumes foi durante o mes de xullo o segundo tipo de intervención que máis se repetiu, cun total de 41. Deles, 8 foron urbanos, 10 forestais, 4 en vehículos e 19 clasificáronse como menores. O primeiro posto en canto a número de incidencias ocúpano as relacionadas coas vespas velutinas -43-, seguido por rescates de persoas -8- e de animais -8-, revisións de edificios -7- e retirada de árbores -6-.