O Concello de Ferrol publicou onte no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica do servizo de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde dos traballos comprendidos no proxecto de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre San Antón e a estrada Alta do Porto.
O orzamento base de licitación sen impostos é de 19.154,08 euros, e o prazo para presentar ofertas conclúe ás 23.59 horas do próximo 11 de setembro. O proxecto de reurbanización da rúa Espartero, que saíu a licitación o pasado día 19, conta cun presuposto de 620.197,36 euros, dos que o 80 % -496.157,89- está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % -124.039,47- con cargo ás arcas municipais. O prazo de presentación de propostas rematará o próximo 9 de setembro, mentres que o de execución das obras unha vez se inicien os traballos é de seis meses.
Melloras na calzada e nas instalacións dos suministros
Esta actuación inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.
No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada ao paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado.
As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello.
Para o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, esta intervención é «unha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán» e vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral -ARI- no 2001 e ben de interese cultural no 2011.